Camiño de navegación

Faceta modificada

Última modificación
  • De
    A

Ordenar

Ordenar

Faceta de tipo

Tipo

Novas

Resultados da busca

31/03/2025

O proxecto "Coruña Marítima" retoma os talleres participativos co obxectivo de seguir escoitando á sociedade sobre a transformación futura do Porto

Despois do alto nivel participativo dos primeiros talleres celebrados a semana pasada no marco do proxecto Coruña Marítima, a cidadanía coruñesa volve a ter a oportunidades de expresar as súas propostas para a futura fachada marítima da Coruña.  

A Comisión Coruña Marítima (integrada polo Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria) convoca aos coruñeses a participar noutros tres debates temáticos organizados para esta semana.

O primeiro deles, “Equipamento e usos”, será mañá martes, 1 de abril, ás 17:00 na sala Loft de Palexco, ubicada na terceira planta con entrada pola porta lateral. Ademais do público asistente, que poderá expoñer as súas opinións durante a sesión, participarán como invitados expertos da Escola Técnica Superior de Arquitectura, o Colexio Oficial de Arquitectos e representantes de sectores como a cultura, a construcción, o deporte, a sanidade ou o Convention Bureau.

O segundo dos talleres, organizado para o mércores 2 de abril no Palexco ás 17:00, centrarase nas actividades portuarias, de forma que saian potenciadas coa futura reordenación dos peiraos. Participarán representantes dos sectores que traballan ou desenvolven a súa labor día a día no Porto da Coruña: a Lonxa, sector pesqueiro, amarradores, prácticos, consignatarios, distribuidoras, empresas portuarias e clubes náuticos, entre outros colectivos.

O xoves 3 de abril concluirán os talleres co dedicado a “Ecoloxía, medio ambiente, auga e enerxía”, vectores transversais que deben caracterizar ás intervencións que se realicen en todo o ámbito. Neste caso está prevista a participación, ademáis de expertos universitarios en sustentabilidade, paisaxistas, naturalistas e expertos en economía circular.

Estes talleres participativos están orientados a recabar suxerencias para o futuro do Porto e da cidade, como as que están a chegar á páxina web www.corunamaritima.com. Conta cun “buzón” de suxestións, chamado “A túa opinión importa”, que xa recibiu máis de setenta propostas por parte dos cidadáns.  

As achegas que se están solicitando nos talleres e na páxina web serán analizadas e ordenadas por temas, para a súa incorporación ás bases do Máster Plan que se convocará nas próximas semanas co obxectivo de deseñar as liñas mestras da futura fachada marítima da Coruña.

27/03/2025

A Comisión Coruña Marítima agradece aos participantes nos dous primeiros talleres o alto nivel das intervencións e o espírito construtivo e propositivo sobre a transformación da fachada portuaria

A Comisión Coruña Marítima quere expresar o seu agradecemento a todos os relatores e aos cidadáns que asistiron aos dous primeiros talleres temáticos sobre a transformación da fachada portuaria, que se celebraron este martes e mércores, centrados en economía e innovación, e mobilidade e transporte.

A Comisión (integrada polo Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria) valora moi positivamente o alto nivel das intervencións e o espírito construtivo e propositivo dos asistentes.

No primeiro taller, de economía e innovación, destacou como eixo central a importancia de potenciar a innovación e a economía azul no deseño dos novos espazos portuarios, con propostas concretas ao redor da pesca, industria, turismo industrial, ou a creación de hubs en ámbitos como a loxística, a sanidade ou a educación.

No segundo encontro, dedicado á mobilidade e o transporte, subliñouse a gran oportunidade que se abre para mellorar as conexións coa área metropolitana e reordenar o tráfico público e privado na cidade, cun consenso na necesidade de habilitar un intercambiador de transporte viario e ferroviario, aproveitando as vías férreas que están en desuso no interior do porto para establecer un transporte ferroviario cos municipios limítrofes.

Os talleres retomaranse a próxima semana cos tres encontros que pecharán o ciclo. Todos eles celebraranse en Palexco a partir das 17 horas, con entrada libre e abertos á participación de todos os asistentes que desexen achegar opinións e suxestións.

O martes 1 de abril estará dedicado a equipamento e usos para os actuais espazos portuarios e ferroviarios.

O mércores 2 de abril centrarase nas actividades portuarias, de forma que saian potenciadas coa futura reordenación dos peiraos.

O xoves 3 de abril concluirán os talleres co dedicado a ecoloxía, medio ambiente, auga e enerxía, vectores transversais que deben caracterizar ás intervencións que se realicen en todo o ámbito.

En cada un deles intervirán como relatores especialistas nas diferentes áreas. Contarase con representantes da Universidade, colexios profesionais, asociacións sociais e empresariais, centros de investigación, empresas portuarias, etcétera.

Ademais, segue aberto na web www.corunamaritima.com un “buzón” de suxestións, que xa recibiu máis de 60 propostas por parte dos cidadáns.

As achegas que se están solicitando nos talleres e na páxina web serán analizadas e ordenadas por temas, para a súa incorporación ás bases do Máster Plan que se convocará nas próximas semanas co obxectivo de deseñar as liñas mestras da futura fachada marítima da Coruña.

26/03/2025

Os talleres de ‘Coruña Marítima’ comezaron cunha mesa sobre "Economía e Innovación"

Esta tarde celebrouse o primeiro taller de ‘Coruña Marítima’, un evento participativo dedicado á “Economía e Innovación” ao que seguirán outras citas deseñadas para recabar as opinións de persoas e colectivo de cara a definir o futuro da fachada marítima da cidade. 

No primeiro taller participaron como invitados expertos da Universidade da Coruña, a Confederación de Empresarios, Cámara de Comercio, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e representantes dos polígonos industriais, entre outros. Pola UDC, asistiu o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández, a catedrática e investigadora da Facultade de Informática Susana Ladra e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, deron a benvida aos asistentes.

O seguinte taller será o mércores 26 de marzo, no centro Hi Coruña, ás 17 horas, e abordará a temática “Mobilidade e transporte”. Entre outros, estarán presentes entidades como Compañía de Tranvías, Mobi-Liza, o Laboratorio de Movilidad Sostible da UDC, o Foro do Transporte e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños. 

En total son cinco os talleres temáticos previstos. Despois, os días 1, 2 e 3 de abril, tamén ás 17:00 horas, nestes casos no Palexco, terán lugar os últimos talleres, que tratarán sobre as seguintes áreas: “Equipamento e Usos” (1 de abril), “Actividade Portuaria” (2 de abril) e “Ecoloxía, Medio Ambiente, Auga e Enerxía” (3 de abril).

Desde a Comisión Coruña Marítima (integrada polo Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria), invítase aos cidadáns a seguir participando  neste debate, agora coa posibilidade de acudir aos talleres temáticos específicos para recabar opinións sobre o que necesitan o porto e a cidade do futuro.

Ademais, segue aberto na web www.corunamaritima.com un “buzón” de suxestións.

24/03/2025

Os talleres temáticos de ‘Coruña Marítima’ arrancan esta semana cun primeiro debate “Economía e innovación” e outro sobre “Mobilidade e transporte"

Esta semana dan comezo os dous primeiros talleres temáticos do proceso de participación de Coruña Marítima, co obxectivo de solicitar ideas para a transformación futura do porto interior e a cidade. O primeiro celebrarase en Palexco mañá, martes 25 de marzo, ás 17:00 da tarde, con entrada libre ata completar aforo e versará sobre “Economía e Innovación”.

Ademais do público asistente, que poderá expoñer as súas opinións durante a sesión, participarán como invitados expertos da Universidade da Coruña, a Confederación de Empresarios, Cámara de Comercio, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e representantes dos polígonos industriais, entre outros. Pola UDC, asistirán o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández, e a catedrática e investigadora da Facultade de Informática Susana Ladra.

O seguinte taller será o mércores 26 de marzo, no centro Hi Coruña, ás 17 horas, e abordará a temática “Mobilidade e transporte”. Entre outros, estarán presentes entidades como Compañía de Tranvías, Mobi-Liza, o Laboratorio de Movilidad Sostible da UDC, o Foro do Transporte e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños. 

En total son cinco os talleres temáticos previstos. Despois, os días 1, 2 e 3 de abril, tamén ás 17:00 horas, nestes casos no Palexco, terán lugar os últimos talleres, que tratarán sobre as seguintes áreas: “Equipamento e Usos” (1 de abril), “Actividade Portuaria” (2 de abril) e “Ecoloxía, Medio Ambiente, Auga e Enerxía” (3 de abril).

Desde a Comisión Coruña Marítima (integrada polo Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria), invítase aos cidadáns a seguir participando  neste debate, agora coa posibilidade de acudir a estes cinco talleres temáticos específicos para recabar opinións sobre o que necesitan o porto e a cidade do futuro.

Ademais, segue aberto na web www.corunamaritima.com un “buzón” de suxestións, no que xa se recibiron mais de 60 propostas de todo tipo. Na súa práctica totalidade son achegas de carácter construtivo, nas que se solicita a incorporación de equipamentos sociais, culturais, recreativos ou deportivos, así como melloras na mobilidade, entre outras propostas.

Proceso participativo

Inicialmente, realizouse unha distribución a máis de 900 colectivos, entidades e institucións das Bases Estratéxicas que foron acordadas para a licitación do Máster Plan que definirá o futuro dos espazos do porto interior. Entre os destinatarios figuran asociacións sociais e culturais, colexios profesionais, empresas portuarias, Universidade, institucións públicas, colectivos empresariais, grupos ecoloxistas e fundacións, entre outras entidades. Acompañouse dunha carta da Comisión Coruña Marítima, na que se resumía a situación actual do proxecto e animábase á presentación de suxestións ou achegas que serán valoradas para a súa posible inclusión no documento definitivo de Bases Estratéxicas.

Con todo iso, prevese convocar a continuación o concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo, flexible e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo, contemplando distintos escenarios de desenvolvemento.

19/03/2025

Coruña Marítima invita á cidadanía a participar nos talleres temáticos para recabar ideas sobre o futuro do porto e da cidade

O proceso de participación de Coruña Marítima continúa coa celebración, a partir da vindeira semana, de cinco talleres temáticos para recabar ideas sobre o futuro do Porto e da cidade. O primeiro celebrarase no Palacio de Exposiciones e Congresos de A Coruña (Palexco) o vindeiro martes 25 de marzo ás 17:00 da tarde, con entrada libre ata completar aforo. Versará sobre “Economía e Innovación”.

O seguinte taller será o mércores 26 de marzo, no centro Hi Coruña, ás 17 horas, e abordará a temática “Mobilidade e transporte”. Despois, os días 1, 2 e 3 de abril, tamén ás 17:00 horas, nestes casos no Palexco, terán lugar os últimos talleres, que tratarán sobre as seguintes áreas: “Equipamento e Usos” (1 de abril), “Actividade Portuaria” (2 de abril) e “Ecoloxía, Medio Ambiente, Auga e Enerxía” (3 de abril).

Ademais de contar coa participación de expertos e entidades especializadas nesas materias, os cinco talleres estarán abertos ao público en xeral. Non é necesario apuntarse previamente.

Desde a Comisión Coruña Marítima (integrada polo Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria), invítase aos cidadáns a seguir participando  neste debate, agora coa posibilidade de acudir a estes cinco talleres temáticos específicos para recabar opinións sobre o que necesitan o porto e a cidade do futuro.

Ademais, segue aberto na web www.corunamaritima.com un “buzón” de suxestións, no que xa se recibiron mais de 40 propostas de todo tipo. Na súa práctica totalidade son achegas de carácter construtivo, nas que se solicita a incorporación de equipamentos sociais, culturais, recreativos ou deportivos, así como melloras na mobilidade, entre outras propostas.

Proceso participativo

Inicialmente, realizouse unha distribución a máis de 900 colectivos, entidades e institucións das Bases Estratéxicas que foron acordadas para a licitación do Máster Plan que definirá o futuro dos espazos do porto interior. Entre os destinatarios figuran asociacións sociais e culturais, colexios profesionais, empresas portuarias, Universidade, institucións públicas, colectivos empresariais, grupos ecoloxistas e fundacións, entre outras entidades. Acompañouse dunha carta da Comisión Coruña Marítima, na que se resumía a situación actual do proxecto e concedíase o prazo dun mes para a presentación de suxestións ou achegas que serán valoradas para a súa posible inclusión no documento definitivo de Bases Estratéxicas.

Con todo iso, prevese convocar a continuación o concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo, flexible e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo, contemplando distintos escenarios de desenvolvemento.

10/03/2025

Coruña Marítima agradece aos cidadáns a súa participación con suxestións para o futuro do porto e da cidade

O proceso de participación cidadá que se puxo en marcha dentro do proxecto Coruña Marítima comezou de forma moi positiva, xa que nas primeiras 48 horas recibíronse 20 propostas remitidas por entidades e cidadáns particulares.

O pasado xoves púxose en funcionamento a web www.corunamaritima.com, cun “buzón” de suxestións, e só nos dous primeiros días recibíronse as mencionadas 20 propostas. Dous delas refírense a cuestións vinculadas a administracións concretas, á marxe do ámbito da fachada portuaria, e foron remitidas a estas institucións. As restantes son na súa práctica totalidade achegas de carácter construtivo, nas que se solicita a incorporación de equipamentos sociais, culturais, recreativos ou deportivos, así como melloras na mobilidade, entre outras propostas.

Desde a Comisión Coruña Marítima, quérese transmitir unha mensaxe de agradecemento aos cidadáns pola súa participación, que ademais se lle está expresando por escrito a cada un deles. Con todas as suxestións realizarase un informe final, e serán ademais trasladadas ao equipo técnico que redactará o prego para convocar o concurso do Máster Plan que definirá o futuro dos espazos portuarios e ferroviarios do porto interior.

Por iso, anímase aos coruñeses a seguir realizando achegas mediante o “buzón” de suxestións, para solicitar opinións sobre o que necesitan o porto e a cidade do futuro, sen limitacións motivadas por criterios económicos ou urbanísticos.

Este proceso participativo, que incluíu o envío das Bases Estratéxicas do proxecto a máis de 800 colectivos e a súa publicación na páxina web, continuará durante as próximas semanas co Foro Coruña Marítima e cinco talleres temáticos previos, co mesmo obxectivo de favorecer a participación cidadá e solicitar achegas.

Con todo iso, prevese convocar a continuación o concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo, flexible e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo, contemplando distintos escenarios de desenvolvemento.

06/03/2025

O proxecto Coruña Marítima avanza co envío das Bases Estratéxicas a máis de 800 entidades da cidade para a solicitude de suxestións

O desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima inicia unha nova fase coa distribución aos colectivos, entidades e institucións da cidade das Bases Estratéxicas que foron acordadas para a licitación do Máster Plan que definirá o futuro dos espazos do porto interior.

Esta mañá, as Bases foron remitidas a máis de 800 entidades. Entre os destinatarios figuran asociacións sociais e culturais, colexios profesionais, empresas portuarias, Universidade, institucións públicas, colectivos empresariais, grupos ecoloxistas ou fundacións, entre outras entidades. Acompáñase unha carta da Comisión Coruña Marítima, na que se resume a situación actual do proxecto e concédese o prazo dun mes para a presentación de suxestións ou achegas que serán valoradas para a súa posible inclusión no documento definitivo de Bases Estratéxicas.

Así mesmo, o documento inicial destas Bases estará dispoñible para todos os interesados a partir de mañá na web www.corunamaritima.com. Esta páxina recollerá as noticias sobre o proxecto e os documentos máis relevantes, e contará cun “buzón” de suxestións aberto a todos os cidadáns.

As Bases Estratéxicas foron aprobadas o pasado 24 de xaneiro na reunión da Comisión Coruña Marítima, na que están representadas as seis administracións que forman parte do proxecto, ademais dos tres grupos políticos municipais. As seis administracións son o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, a entidade pública empresarial Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), o organismo público Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña.

De acordo co contido das Bases, a nova fachada marítima debe conlevar unha mellora da cidade e das actividades que permanezan no porto interior, que basicamente serán a pesca, cruceiros, náutica e mercadoría xeral, xa que os graneis e os tráficos máis pesados están en proceso de traslado a Punta Langosteira. Pola súa importancia histórica, social e económica, faise fincapé no sector pesqueiro, cuxas infraestruturas e capacidade operativa deberán saír reforzadas na reordenación dos espazos portuarios.

Destacan aspectos como a mellora da mobilidade e a construción de novos equipamentos urbanos, con especial relevancia aos valores ambientais, paisaxísticos e metropolitanos. Así, prevese aproveitar as vías existentes no porto que estean en desuso para implementar un servizo ferroviario de proximidade, ademais de habilitar un intercambiador de transporte. Tamén se propón incorporar un equipamento multiusos cuberto de gran capacidade e outro edificio icónico que caracterice a intervención.

Haberá ademais espazos para usos residenciais, terciarios e dotacionais, primando en todo momento a innovación e a sustentabilidade no deseño, e favorecendo o contacto co mar e a incorporación de novos usos á lámina de auga. Esixirase así mesmo a protección e posta en valor do patrimonio histórico, industrial e arqueolóxico, contribuíndo a preservar a identidade industrial e portuaria, potenciando os valores paisaxísticos.

Ademais do envío do documento aos colectivos cidadáns e a publicación da páxina web, durante as próximas semanas levaranse a cabo o Foro Coruña Marítima e cinco talleres temáticos previos, co mesmo obxectivo de favorecer a participación cidadá e solicitar achegas.

Con todo iso, prevese convocar no mes de abril o concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo, contemplando distintos escenarios de desenvolvemento.

24/01/2025

O proxecto Coruña Marítima prima os espazos públicos, as zonas verdes e os usos cidadáns para a transformación do Porto Interior

Un proxecto para mellorar a cidade e o ámbito portuario, con predominio dos espazos públicos, as zonas verdes e o contacto coa auga, que resolva os déficits en equipamentos e mobilidade, con carácter coruñés, focalizado na sustentabilidade e con participación directa da cidadanía.

Estes son os eixes sobre os que xiran as Bases estratéxicas do proxecto Coruña Marítima, que foron aprobadas esta mañá na reunión da Comisión Coruña Marítima.

A reunión tivo lugar na sede da Autoridade Portuaria, presidida pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e coa asistencia de representantes das seis administracións que participan no proxecto: o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a entidade pública empresarial Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), o organismo público Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña, ademais dos/as representantes dos grupos políticos municipais: Partido Popular, PSdeG-PSOE e Bloque Nacionalista Galego.

As Bases Estratéxicas son o resultado de varios meses de intenso traballo dun equipo formado por persoal técnico das seis administracións, co apoio dunha oficina técnica externa. Analizáronse as necesidades portuarias, ferroviarias, ambientais e cidadás, con alcance metropolitano, e tivéronse en consideración as achegas da comisión municipal da fachada marítima, para chegar a un documento que é o punto de partida para a convocatoria dun concurso internacional multidisciplinar para o deseño do Máster Plan Coruña Marítima, sobre o que se desenvolverá nas próximas décadas a transformación dos espazos do porto interior da Coruña.

Documento flexible

O Máster Plan concíbese, en todo caso, como un documento aberto, flexible, o punto de partida dun proxecto que poderá ser adaptado ao longo dos próximos anos ás necesidades que se detecten para a mellora dos espazos nos que se intervirá.

As Bases Estratéxicas propoñen que a maior parte do ámbito sexa dedicada a usos cidadáns e públicos, cun proxecto ambicioso que achegue valor e calidade urbana, que reflicta a alma da Coruña e que sirva para compensar as carencias da cidade.

Así, proponse construír zonas verdes e equipamentos públicos que compensen os déficits que se identifiquen na cidade e especialmente nos barrios limítrofes, e, de forma destacada, incídese na mellora da mobilidade na Coruña e na súa conexión coa área metropolitana, reorganizando os accesos ao centro urbano cun modelo sostible que favoreza a mobilidade sostible, ciclista e peonil.

 

A auga, peza esencial

Incídese, así mesmo, en situar a auga como un elemento que articule o espazo e que se converta nunha peza esencial da paisaxe, favorecendo o acceso dos cidadáns e cidadás ao mar. Valoraranse as opcións de utilización da lámina de auga para acoller actividades culturais, deportivas e recreativas, explotando o seu potencial como elemento de comunicación e entretemento.

No ámbito portuario, recóllese que calquera transformación debe pasar por mellorar e reforzar as condicións do porto interior, construíndo un porto máis eficiente e sostible. Ademais de seguir fomentando a náutica, os cruceiros e as mercadorías que permanezan no porto interior, dedícaselle un amplo apartado ao sector pesqueiro.

 

A importancia da pesca

“Se existe unha actividade que está imbricada historicamente na sociedade coruñesa e que marcou a súa cultura e esencia é, sen dúbida, a pesca: a pesca e “O Muro”, como se coñece a súa lonxa, son a alma da Coruña e do seu porto. O impacto cultural, social e de emprego desta actividade excede o moi importante impacto económico (un gran número de familias coruñesas teñen relación directa ou indirecta con este sector). O Máster Plan non só debe darlles resposta a todas as necesidades operativas da industria pesqueira, senón que debe facer un esforzo para que a cidade a siga tendo presente como un dos elementos máis importantes da súa identidade cultural”, segundo o documento.

A pesca é un sector esencial do porto da Coruña. De feito, o porto é líder a nivel nacional en volume de descargas de peixe fresco e marisco. Por iso, calquera reordenación que se propoña debe supor unha mellora dos equipamentos, as infraestruturas e a capacidade operativa de toda a cadea de valor da venda, transformación e distribución dos produtos pesqueiros, contando coas opinións e achegas dos profesionais do sector.

 

Conectividade ferroviaria

No que respecta ao aspecto ferroviario, indícase que, dado o traslado xa acordado da estación de mercadorías de San Diego, debe manterse a conectividade ferroviaria nas dársenas do porto interior que continúen con actividades portuarias, tendo en conta da importancia de favorecer a intermodalidade dos tráficos. Así mesmo, recóllese o uso da rede portuaria actual para o tráfico de pasaxeiros, e cítase a necesidade de habilitar unha nova estación de mercadorías na contorna da Coruña, para o que o Ministerio de Transportes xa iniciou o estudo informativo.

De forma transversal a toda a intervención, as Bases estratéxicas do Máster Plan dedican un extenso capítulo á innovación, a atracción de talento e a sustentabilidade, na súa visión máis ampla. Os espazos públicos, o urbanismo e as edificacións deberán contar con altos estándares de eficiencia enerxética, utilización de enerxías renovables, xestión de residuos, plantación de vexetación autóctona, redución de consumo de auga, redución de pegada de carbono, respecto á biodiversidade terrestre e mariña, e renaturalización dos espazos, entre outros moitos factores.

 

Vivendas sostibles e accesibles

A esixencia de innovación e sustentabilidade aplicarase especialmente aos usos residenciais, cunha disposición das parcelas e unha elección de tipoloxías edificatorias que conflúan na creación dun barrio sostible con espazos saudables que fomenten a relación social, a atención a grupos vulnerables ou a accesibilidade universal. A intensidade do uso residencial, a porcentaxe de vivendas públicas e as características concretas dos edificios serán definidos no futuro, máis aló das disposicións iniciais que trace o Máster Plan.

Esixirase tamén a protección e posta en valor do patrimonio histórico, industrial e arqueolóxico de todo o ámbito, propoñendo novos usos aos bens protexidos e a aqueles que, a pesar de non estaren catalogados, contribúan a preservar a identidade e o carácter industrial e portuario, potenciando os valores paisaxísticos do lugar. Faise referencia á antiga Lonxa do Gran Sol, os edificios de exportadores, silos de cemento, etcétera.

 

Participación cidadá

Tras a aprobación das Bases Estratéxicas pola Comisión Coruña Marítima, durante os meses de febreiro e marzo poñerase en marcha un proceso de participación cidadá, coa finalidade de que a sociedade coruñesa poida realizar suxestións e achegas ás Bases estratéxicas do Máster Plan. Desde a mesma firma do protocolo Coruña Marítima, o 22 de maio de 2024, considerouse que a transparencia e o acceso público á información son un elemento fundamental de todo o proceso, xa que a transformación dos espazos portuarios debe estar aberta ás expectativas, necesidades e percepcións das cidadás e dos cidadáns.

A participación cidadá articularase fundamentalmente mediante obradoiros e actividades que abordarán aspectos como os usos cidadáns e equipamentos; tráficos portuarios pesqueiros e comerciais; transporte e mobilidade; obxectivos ambientais; e xestión e gobernanza.

Estes obradoiros, que constituirán o Foro Coruña Marítima, contarán coa participación de especialistas locais e estarán abertos a asociacións, colexios profesionais, administracións, fundacións, partidos políticos, axentes sociais e colectivos cidadáns, ademais das empresas e os/as traballadores/as portuarios/as.

Así mesmo, nos próximos días habilitarase unha páxina web propia de Coruña Marítima, na que estarán dispoñibles os documentos do proxecto e que terá unha caixa de correos de suxestións aberta a toda a cidadanía.

 

Concurso internacional

Tras realizar este Foro Coruña Marítima, prevese convocar en abril o concurso internacional para a adxudicación do Máster Plan. Ao concurso poderanse presentar todos os equipos e empresas que o desexen, tendo en conta que, polo alcance da intervención, deberán ter un carácter multidisciplinar, ao requirir a participación de profesionais da enxeñería, arquitectura, urbanismo, medio ambiente e outros campos afíns.

A Comisión Coruña Marítima seleccionará nun primeiro momento un máximo de cinco licitantes e, tras un proceso de análise e contraste de cada proposta, adxudicaralle a redacción do Máster Plan ao equipo mellor valorado. Prevese que este documento estea finalizado en 2027.

A partir de aí, desenvolveranse por fases as intervencións sobre o terreo, aínda que, dada a extensión global do ámbito e a execución do proxecto ao longo dun marco temporal moi amplo, as directrices do Máster Plan poderán ser modificadas e axustadas ás demandas que a sociedade expoña en cada momento e aos novos obxectivos que se necesiten alcanzar, tal como ocorre noutros proxectos desta envergadura que se puxeron en marcha nas grandes cidades portuarias de toda Europa.

 

30/09/2024

O proxecto Coruña Marítima avanza xa coa constitución do comité técnico

O órgano asesor celebrou a súa primeira reunión, coa vista posta na convocatoria dun concurso internacional.

O comité técnico previsto no protocolo Coruña Marítima quedou constituído esta mañá na súa primeira reunión, que se celebrou na sede da Autoridade Portuaria, coa asistencia de representantes das seis administracións involucradas no proxecto: Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a propia Autoridade Portuaria.

Na primeira reunión deste comité, que se encargará dos traballos técnicos necesarios para o desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima, e que conta co apoio dunha oficina técnica, puxéronse en común os avances realizados ata o de agora e os pasos que levarán a cabo nos próximos meses. Así, informouse de que se convocará un concurso internacional multidisciplinar para definir o deseño global que rexerá a transformación dos espazos portuarios.

Este deseño abarcará todo o ámbito do porto coruñés e terá en conta os requirimentos e necesidades que expoña cada Administración, así como as achegas que se desprendan do Foro Coruña Marítima, que celebrará a súa primeira reunión a principios de 2025 e contará coa participación de colectivos e axentes sociais relevantes da cidade.

Con todas estas achegas, prevese contar cos pregos técnicos deste concurso internacional nos primeiros meses de 2025, para poder levar a cabo a licitación e posterior adxudicación do proxecto global que definirá as liñas mestras do futuro dos espazos portuarios.

15/07/2024

A comisión Coruña Marítima decide convocar un concurso internacional para elaborar o deseño global que definirá a transformación dos espazos portuarios

O órgano que dirixirá o futuro deseño dos peiraos urbanos celebrou hoxe a súa primeira reunión, nun clima de diálogo e entendemento.

A Comisión Coruña Marítima celebrou esta mañá a súa primeira reunión, presidida pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, na sede da Autoridade Portuaria, coa asistencia dos representantes das seis administracións involucradas no proxecto e dos grupos políticos municipais. No encontro aprobáronse as liñas de traballo para os próximos meses, cun calendario das próximas reunións da Comisión e do Comité Técnico que lle dará soporte. Así, acordouse convocar un concurso internacional multidisciplinar, para definir o deseño global que rexerá a transformación dos espazos portuarios. Este deseño abarcará todo o ámbito do porto coruñés e terá en conta os requirimentos e necesidades que expoña cada Administración, así como as achegas que se desprendan do Foro Coruña Marítima, que celebrará a súa primeira reunión a principios de 2025 e contará coa participación de colectivos e axentes sociais relevantes da cidade.

Prevese contar cos pregos técnicos deste concurso internacional nos próximos meses, para poder levar a cabo a licitación. A Comisión Coruña Marítima manterá a súa segunda reunión no mes de outubro. Incorporaranse á Comisión, con voz pero sen voto, o director da Autoridade Portuaria, Juan Diego Pérez Freire, e a directora técnica do Plan Estratéxico da Coruña 2030-2050, Isabel Pardo de Vera. Con anterioridade, en setembro, celebrará o seu primeiro encontro o Comité Técnico, que se reunirá mensualmente.

A reunión da Comisión Coruña Marítima celebrouse hoxe nun clima de diálogo e entendemento entre todos os representantes das administracións e os grupos políticos.

11/07/2024

A comisión Coruña Marítima celebrará a súa primeira reunión o 15 de xullo

As administracións e os grupos políticos municipais xa designaron aos seus representantes neste órgano que dirixirá a transformación dos espazos portuarios.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, na súa condición de presidenta da Comisión Coruña Marítima, convocou a primeira reunión deste órgano para o vindeiro luns, 15 de xullo, ás 12.30 horas. Nos últimos días, as administracións e grupos políticos que forman a Comisión nomearon aos seus representantes neste órgano que pilotará a transformación dos espazos portuarios. A Comisión queda integrada desta maneira:

• Inés Rey García. En representación do Concello da Coruña. Presidenta da Comisión.

• Martín Fernández Prado. En representación da Autoridade Portuaria. Vicepresidente da Comisión.

• Diego Calvo Pouso. Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes. En representación da Xunta de Galicia.

 • Carlos María Juárez Cólera. Director do Sector Ferroviario. En representación do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible.

• Pilar Parra Serrano. Directora corporativa. En representación de Puertos del Estado.

•Juan Pablo Villanueva Beltramini. Director Xeral de Construcción. En representación de ADIF.

• José Manuel Lage Tuñas. Concelleiro de Economía e Planificación Urbana. En representación do Concello da Coruña.

• Miguel Lorenzo Torres. En representación do grupo municipal do PP.

• Francisco Dinís Díaz Gallego. En representación do grupo municipal do PSOE.

•Francisco Jorquera Caselas. En representación do grupo municipal do BNG.

• O secretario será Manuel Fortes Carballeira, xefe do Departamento de Asesoría Xurídica da Autoridade Portuaria.

Tras a firma do protocolo Coruña Marítima, o pasado 22 de maio, por parte das seis administracións involucradas no deseño futuro do porto interior, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria celebrou unha reunión extraordinaria o pasado 18 de xuño, na que aprobou a constitución da Comisión Coruña Marítima, as súas funcións e as súas normas de funcionamento.

Conforme a estas normas, e unha vez que xa se dispón da relación de integrantes da Comisión, a presidenta do órgano, Inés Rey, convocou a primeira reunión do mesmo para o día 15 de xullo.

18/06/2024

A comisión Coruña Marítima celebrará a súa primeira reunión a principios de xullo e apoiarase nun equipo técnico interadministrativo

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria celebrou unha sesión extraordinaria para aprobar a creación da comisión e as súas normas de funcionamento. O órgano aglutina aos representantes das administracións e dos grupos políticos municipais, e favorecerá a participación social. Tras a firma do protocolo para a reordenación da fachada marítima da Coruña, o pasado 22 de maio, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria celebrou esta mañá unha reunión extraordinaria na que se aprobou a creación da Comisión Coruña Marítima e as normas de funcionamento deste órgano de cooperación interadministrativa.

Comeza así a materializarse o acordo que se plasmou no citado protocolo, que foi subscrito pola Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria. Tal como recóllese no documento, todos os traballos necesarios para levar a cabo a transformación dos espazos portuarios coordinaranse a través da comisión Coruña Marítima, creada polo Consello de Administración da Autoridade Portuaria. A súa presidencia exerceraa a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e dela formarán parte os representantes que designen as administracións asinantes do protocolo, así como integrantes dos partidos políticos con representación municipal.

O Consello de Administración aprobou así mesmo as funcións da comisión, que se resumen no seguimento, asesoramento, análise e proposta ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria das medidas que considere oportunas para o desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima. Ratificáronse tamén as normas de funcionamento do órgano, cuxa primeira reunión está prevista para a primeira quincena do próximo mes de xullo e será convocada pola alcaldesa da Coruña, como presidenta da comisión. Estas normas inciden na necesidade de alcanzar acordos amplos para acometer a transformación da fachada marítima coas liñas que establece o protocolo como novo marco de entendemento, considerando o interese común en manter a titularidade pública dos espazos, o mantemento das actividades portuarias que non se trasladen a Punta Langosteira, a apertura aos cidadáns dos terreos que deixen de ter uso portuario e a xeración de beneficio económico para a Autoridade Portuaria e de gran beneficio social para a cidadanía. Ao obxecto de favorecer a participación social en todo o proceso que comeza agora, a comisión designará un foro no que participarán colectivos e axentes sociais, e un grupo de traballo coa misión de realizar todas as tarefas técnicas que sexan precisas, que estará formado por dous representantes da Autoridade Portuaria, dúas do Concello da Coruña, dous entre ADIF e o Ministerio, un de Portos do Estado e dous da Xunta de Galicia. Os conselleiros da Autoridade Portuaria aprobaron por unanimidade todos estes acordos e manifestaron o seu respaldo á nova etapa que se abre para o porto e a cidade.

 

Novo conselleiro

Por outra banda, o Consello agradeceu o traballo realizado por Ethel Vázquez, secretaria da Mesa do Parlamento de Galicia, que cesou como conselleira da Autoridade Portuaria, e deu a benvida á persoa que a substitúe, Jorge Pan Varea, director Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia.

31/05/2024

O logotipo de “Coruña Marítima”, unha creación do pintor Vítor Mejuto que sintetiza a xeometría das galerías da Mariña

A imaxe xorde do seu traballo “Coruña Cidade”, unha serie de cadros sobre formas derivadas de elementos arquitectónicos da Coruña e o seu porto.

O pintor Vítor Mejuto é o autor do logotipo do proxecto “Coruña Marítima”, que está chamado a transformar a cidade nos próximos anos tras a firma, este pasado mércores, do protocolo de colaboración entre as administracións que teñen competencias na fronte portuaria coruñesa.

Vítor Mejuto naceu en Barcelona en 1969, aínda que reside na Coruña. É pintor, fotógrafo e editor gráfico de La Voz de Galicia. Segundo explica el mesmo, o logotipo, en cor azul, é unha síntese da xeometría das galerías da Mariña, que son un das principais iconas da cidade, con orixe portuaria.

A imaxe xorde do seu traballo “Coruña Cidade”, que vén desenvolvendo desde fai tres anos e engloba unha serie de cadros sobre formas derivadas de elementos arquitectónicos da Coruña e o seu porto. “Non quería facer un logo excesivamente descritivo –indica Mejuto-. Veume inmediatamente á cabeza José María Cruz Novillo, ao que coñecín antes como pintor que como deseñador gráfico. É o autor dos logos máis comúns da nosa historia recente, desde o de Correos ou Renfe ao moi próximo Banco Pastor”.

Menciona tamén a Anton Stankonwski, “outro grandísimo pintor que deseñou o meu logo favorito: o do Deutsche Bank. Ambos autores afunden as súas raíces na pintura concreta e nunha xeometría orgánica –engade-. Por iso o emprego de formas puras. Para que o autor desapareza en favor da idea”.

Vítor Mejuto formouse en Belas Artes na Universidade de Salamanca. Ten unha longa traxectoria como pintor e expuxo por todo o territorio nacional e en lugares tan diversos como Nova York, O Porto, Viena ou Amsterdam, entre moitos outros. As súas obras forman parte de coleccións tan relevantes como a do Centro Galego de Arte Contemporánea, Abanca, Parlamento de Galicia, Afundación, María José Jove e Fundación Camper.

Xunto ao logotipo, desenvolverase unha tipografía específica para o proxecto “Coruña Marítima”, coas súas aplicacións para documentos, cartelería e elementos de gran formato. Encomendouse este traballo á firma coruñesa Bululú Creativos, que en 2021 tamén ideou para a Autoridade Portuaria o lema “Aberto a todo o mundo”, que é utilizado principalmente para referirse a iniciativas vinculadas á interacción porto-cidade.