O Tribunal de Recursos Contractuais valida o procedemento do Máster Plan de Coruña Marítima, indicando únicamente que deben xustificarse dous dos criterios de selección das candidaturas

O Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais resolveu os recursos que se presentaron á licitación do Máster Plan de Coruña Marítima, e no seu acordo valida o procedemento que se aplica para a selección das candidaturas, solicitando únicamente que se xustifiquen dous requisitos.

Os recursos foran presentados polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola de Arquitectura de A Coruña e un grupo de profesionais por entender que as bases, entre outras cuestións, incluían criterios restritivos que colocaban aos arquitectos internacionais por encima dos locais.

O Tribunal conclúe que as bases do concurso cumpren os requisitos necesarios para un prego destas características e que os criterios de selección son adecuados, xa que non pide que se modifiquen. A resolución do órgano especializado en contratación pública establece, como únicas esixencias, que o concurso salga de novo a licitación, pero incorporando a xustificación de ter experiencia en traballos similares en cidades de máis de 150.000 habitantes, e de que as empresas ou profesionais acrediten tamén experiencia en proxectos de edificios singulares con orzamentos superiores a 100 millóns de euros, ou ben retirando ambos requisitos.

No caso do recurso interposto polo Colexio de Arquitectos, non se considerou válido ao entender o Tribunal que o órgano colexial carece de lexitimación para presentalo; e, sobre o recurso da Escola de Arquitectura, aínda non se recibiu a resolución.  

Desta forma, a Autoridade Portuaria informará ó resto de administracións que participan na Comisión Coruña Marítima e volverá realizar a licitación, este mesmo mes, debendo optar por manter os dous requisitos citados, xustificándoos debidamente no prego, ou retiralos das bases. As características do concurso e a forma de presentación de ofertas estarán de novo dispoñibles nese momento na plataforma de Contratación do Estado, á que se pode acceder directamente desde o Perfil do Contratante da páxina web da Autoridade Portuaria da Coruña.

A licitación que se realizou o pasado 28 de maio obtivera unha ampla concorrencia, cunha importante participación de UTEs, que engloban a un total de 36 empresas do ámbito internacional e local, así como de firmas nacionais con delegación na Coruña. Tamén se lles comunicará oficialmente a resolución do Tribunal Administrativo.

Ao dispoñer de folgura nos tempos establecidos, a nova licitación non altera de forma significativa o calendario previsto para a presentación do Máster Plan. O prazo estimado para seleccionar ao adxudicatario estímase nun máximo de 12 meses, polo que, ao saír agora de novo a licitación, está previsto que o concurso estea resolto a finais do verán ou principios do outono de 2026. A partir de aí, a empresa gañadora deberá presentar en 2027 o Máster Plan e diferentes documentos complementarios.

Consenso entre administracións

A posta en marcha do concurso produciuse o pasado mes de maio tras a aprobación das bases polo Consello de Administración da Autoridade Portuaria e, previamente, pola Comisión Coruña Marítima, da que forman parte o Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria, ademais dos tres grupos políticos municipais.

As bases do concurso, cun importe total de 3.015.000 euros, prevén dúas fases na elaboración do documento. Nunha primeira fase, seleccionaranse un máximo de cinco candidaturas entre as ofertas que se reciban. Como se explicou xa en maio, poderán presentarse todas as empresas e os profesionais que o desexen, que deben cumprir os requisitos de solvencia que esixe a normativa e contar cun equipo multidisciplinar no que figuren profesionais con experiencia en urbanismo, paisaxismo, arquitectura, portos, ferrocarrís e mobilidade, entre outros ámbitos. Na selección teranse en conta a experiencia dos equipos en traballos similares, o currículo e os premios obtidos na súa traxectoria profesional.

As cinco candidaturas seleccionadas terán un prazo de cinco meses para presentar as súas propostas. Cada oferta será valorada con criterios que avalarán a calidade técnica da proposta, a súa funcionalidade, os aspectos ambientais e os aspectos económicos. Nesta avaliación, da que sairá a candidatura adxudicataria do Máster Plan, o órgano de contratación apoiarase nun comité de expertos.

Acordos estratéxicos

O Máster Plan deberá cumprir coas Bases Estratéxicas e cos catorce Acordos Estratéxicos aprobados pola Comisión Coruña Marítima, así como coas conclusións do proceso de participación cidadá. Os acordos recollen diversas medidas para reforzar a actividade portuaria, impulsar novas actividades económicas, mellorar a mobilidade na cidade e as conexións coa área metropolitana, construír equipamentos públicos, entre eles un edficio emblemático que caracterice a intervención, e potenciar as zonas verdes e a sustentabilidade en todo a área.

O Máster Plan abarcará todo o ámbito do porto interior, desde o dique de abrigo ata a dársena de Oza, e a estación de mercadorías de San Diego. Deberá ser ambicioso, innovador, propositivo e flexible, cun proxecto que reflicta a esencia da Coruña.

Tal como recóllese expresamente nas Bases, a solución proposta debe ser “coruñesa”, que entenda a escala e o espírito da Coruña. Non se pretende importar solucións doutros sitios, aínda que alí fosen exitosas e sexa necesario o seu estudo, senón que se busca unha solución ad hoc para A Coruña, que entenda a alma coruñesa, a súa tradición, a súa historia e o seu genius loci.

Así, o proxecto debe ser contemporáneo e participar das últimas tendencias mundiais, pero, ao mesmo tempo, ten que reflectir a esencia coruñesa. Debe ser un proxecto internacional e local ao mesmo tempo, que reflicta a alma da Coruña e do seu porto. “O cidadán ten que ser consciente de que se atopa na Coruña e non en calquera outro espazo sen personalidade”, indica o documento.