O PROXECTO CORUÑA MARÍTIMA - Coruña Marítima
O PROXECTO CORUÑA MARÍTIMA
O 22 de maio de 2024, co obxectivo común de transformación e reordenación do espazo portuario interior da cidade da Coruña, o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, a entidade pública empresarial Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), o organismo público Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña asinaron o PROTOCOLO PARA A REORDENACIÓN DA FACHADA MARÍTIMA DA CORUÑA: PROXECTO ”CORUÑA MARÍTIMA”.
Coa firma deste Protocolo abriuse unha etapa de frutífera colaboración e cooperación interadministrativa, de entendemento institucional, na transformación e reordenación urbanística dunha boa parte dos espazos portuarios interiores que pode xerar un amplo valor económico para a propia Autoridade Portuaria e un gran beneficio social para a cidadanía e á que tamén poden contribuír os espazos ferroviarios da Terminal de San Diego. A visión integral de todo o bordo portuario, que ocupa unha parte moi significativa da fronte litoral da cidade da Coruña, permitirá unha mellor articulación das súas funcións urbanas e marítimas.
O protocolo recolle que a posta en funcionamento do Porto Exterior de Punta Langosteira, e o progresivo traslado dunha parte das instalacións comerciais que hoxe aínda ocupan os peiraos interiores da Coruña, supón unha gran oportunidade para incorporar determinados terreos portuarios e ferroviarios para usos cidadáns e para promover unha Coruña máis sostible, dinámica e competitiva, cunha alta calidade de vida.
Para iso, as administracións expresan que é necesario definir un acordo no que desenvolver de forma compatible a accesibilidade e usos cidadáns nos novos espazos e a obtención de recursos establecida para o financiamento do Porto Exterior e para o traslado e reposición da Terminal de Mercadorías de San Diego, así como a compatibilidade coas actividades portuarias que permanezan. O ámbito de estudo conlevará toda a fachada marítima do Porto da coruña, desde o dique Barrié de la Maza ata a dársena de Oza, incluíndo as zonas do peirao de Batería e Calvo Sotelo e a zona do peirao de San Diego, peirao petroleiro e Terminal ferroviaria de Mercadorías de San Diego, pertencente a ADIF, para ter unha visión integral e unha coherencia conxunta na definición de todo o espazo en termos de usos, mobilidade, accesibilidade, explotación portuaria, etcétera.
Ao obxecto de desenvolver o protocolo, creouse a Comisión Coruña Marítima, na que están representadas as seis administracións e os grupos políticos municipais, e un comité técnico de apoio. Darase ademais voz á participación cidadá mediante o Foro Coruña Marítima, que estará formado por axentes sociais e colectivos relevantes para a transformación dos espazos portuarios.
Prevese acometer a reordenación de todo o ámbito por fases, ao longo dos próximos anos.
Integrantes da Comisión Coruña Marítima
• Presidencia: Inés Rey García, Alcaldesa do Concello da Coruña.
• Representante da Autoridade Portuaria da Coruña: Martín Fernández Prado, Presidente da Autoridade Portuaria da Coruña.
• Representante da Xunta de Galicia: Diego Calvo Souto, Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.
• Representante do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible: Carlos María Juárez Colera, Director xeral do Sector Ferroviario.
• Representante da Entidade pública empresarial Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF): Juan Pablo Villanueva Beltramini, Director xeral de Construcción.
• Representante do Organismo público Puertos del Estado: Pilar Parra Serrano, Directora Corporativa.
• Representante do Concello da Coruña: José Manuel Lage Tuñas, Concelleiro de Economía e Planificación Urbana.
• Representante do Grupo municipal Partido Popular: Miguel Lorenzo Torres.
• Representante do Grupo municipal Partido Socialista de Galicia-PSOE: Francisco Dinís Díaz Gallego.
• Representante do Grupo municipal Bloque Nacionalista Galego: Francisco Xesús Jorquera Caselas.