O proxecto Coruña Marítima avanza xa coa constitución do comité técnico

O órgano asesor celebrou a súa primeira reunión, coa vista posta na convocatoria dun concurso internacional.

O comité técnico previsto no protocolo Coruña Marítima quedou constituído esta mañá na súa primeira reunión, que se celebrou na sede da Autoridade Portuaria, coa asistencia de representantes das seis administracións involucradas no proxecto: Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a propia Autoridade Portuaria.

Na primeira reunión deste comité, que se encargará dos traballos técnicos necesarios para o desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima, e que conta co apoio dunha oficina técnica, puxéronse en común os avances realizados ata o de agora e os pasos que levarán a cabo nos próximos meses. Así, informouse de que se convocará un concurso internacional multidisciplinar para definir o deseño global que rexerá a transformación dos espazos portuarios.

Este deseño abarcará todo o ámbito do porto coruñés e terá en conta os requirimentos e necesidades que expoña cada Administración, así como as achegas que se desprendan do Foro Coruña Marítima, que celebrará a súa primeira reunión a principios de 2025 e contará coa participación de colectivos e axentes sociais relevantes da cidade.

Con todas estas achegas, prevese contar cos pregos técnicos deste concurso internacional nos primeiros meses de 2025, para poder levar a cabo a licitación e posterior adxudicación do proxecto global que definirá as liñas mestras do futuro dos espazos portuarios.