Foro Coruña Marítima - Coruña Marítima
Coruna Marítima expoñeralle á cidadanía o 9 de maio as conclusións do proceso participativo e a situación actual do proxecto

O desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima continúa coa presentación aos cidadáns das conclusións do proceso participativo. O acto celebrarase o vindeiro venres 9 de maio, ás 9:30 da mañá, no Espazo Avenida do Cantón Grande da Coruña. Será de entrada libre.
A inauguración institucional deste evento contará coas intervencións de Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes; Pilar Parra, directora corporativa de Puertos del Estado, e Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña.
Posteriormente, o director da Autoridade Portuaria, Juan Diego Pérez Freire, expoñerá os resultados máis relevantes do proceso participativo e os próximos pasos que están previstos para avanzar no proxecto.
A continuación realizarase unha mesa sobre as intervencións en espazos portuarios, con dous relatores de referencia neste ámbito: Teófila Martínez, presidenta da Asociación Internacional para a Colaboración entre Puertos y Ciudades (RETE), e David Pino, director de Port Vell, que explicará o proceso de transformación da zona máis antiga do Porto de Barcelona.
A cita servirá para compartir o resultado da fase de consulta implementada nos últimos meses, co envío, en primeiro lugar, das Bases Estratéxicas aprobadas o pasado 24 de xaneiro na reunión da Comisión Coruña Marítima, na que están representadas as seis administracións que forman parte do proxecto: Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), Puertos del Estado e Autoridade Portuaria da Coruña.
Tras a publicación na páxina web e o envío das Bases Estratéxicas do proxecto a asociacións veciñais, sociais e culturais, colexios profesionais, empresas portuarias, Universidade, institucións públicas, colectivos empresariais, grupos ecoloxistas, fundacións e sindicatos, entre outras entidades, o proceso participativo continuou coa apertura dun “buzón de suxestións” (que seguirá aberto) e a celebración de cinco talleres temáticos, co mesmo obxectivo de favorecer a participación cidadá e solicitar achegas. Rexistrouse unha altísima resposta da sociedade coruñesa, con numerosas propostas por parte de cidadáns e colectivos.
Con todo iso, prevese convocar en próximas datas o concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este Máster Plan deberá ser propositivo, flexible e innovador, e expoñer unha visión a medio e longo prazo, contemplando distintos escenarios de desenvolvemento.