Noticias - Coruña Marítima
Novas

30/09/2024
O proxecto Coruña Marítima avanza xa coa constitución do comité técnico
O órgano asesor celebrou a súa primeira reunión, coa vista posta na convocatoria dun concurso internacional.
O comité técnico previsto no protocolo Coruña Marítima quedou constituído esta mañá na súa primeira reunión, que se celebrou na sede da Autoridade Portuaria, coa asistencia de representantes das seis administracións involucradas no proxecto: Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a propia Autoridade Portuaria.
Na primeira reunión deste comité, que se encargará dos traballos técnicos necesarios para o desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima, e que conta co apoio dunha oficina técnica, puxéronse en común os avances realizados ata o de agora e os pasos que levarán a cabo nos próximos meses. Así, informouse de que se convocará un concurso internacional multidisciplinar para definir o deseño global que rexerá a transformación dos espazos portuarios.
Este deseño abarcará todo o ámbito do porto coruñés e terá en conta os requirimentos e necesidades que expoña cada Administración, así como as achegas que se desprendan do Foro Coruña Marítima, que celebrará a súa primeira reunión a principios de 2025 e contará coa participación de colectivos e axentes sociais relevantes da cidade.
Con todas estas achegas, prevese contar cos pregos técnicos deste concurso internacional nos primeiros meses de 2025, para poder levar a cabo a licitación e posterior adxudicación do proxecto global que definirá as liñas mestras do futuro dos espazos portuarios.

15/07/2024
A comisión Coruña Marítima decide convocar un concurso internacional para elaborar o deseño global que definirá a transformación dos espazos portuarios
O órgano que dirixirá o futuro deseño dos peiraos urbanos celebrou hoxe a súa primeira reunión, nun clima de diálogo e entendemento.
A Comisión Coruña Marítima celebrou esta mañá a súa primeira reunión, presidida pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, na sede da Autoridade Portuaria, coa asistencia dos representantes das seis administracións involucradas no proxecto e dos grupos políticos municipais. No encontro aprobáronse as liñas de traballo para os próximos meses, cun calendario das próximas reunións da Comisión e do Comité Técnico que lle dará soporte. Así, acordouse convocar un concurso internacional multidisciplinar, para definir o deseño global que rexerá a transformación dos espazos portuarios. Este deseño abarcará todo o ámbito do porto coruñés e terá en conta os requirimentos e necesidades que expoña cada Administración, así como as achegas que se desprendan do Foro Coruña Marítima, que celebrará a súa primeira reunión a principios de 2025 e contará coa participación de colectivos e axentes sociais relevantes da cidade.
Prevese contar cos pregos técnicos deste concurso internacional nos próximos meses, para poder levar a cabo a licitación. A Comisión Coruña Marítima manterá a súa segunda reunión no mes de outubro. Incorporaranse á Comisión, con voz pero sen voto, o director da Autoridade Portuaria, Juan Diego Pérez Freire, e a directora técnica do Plan Estratéxico da Coruña 2030-2050, Isabel Pardo de Vera. Con anterioridade, en setembro, celebrará o seu primeiro encontro o Comité Técnico, que se reunirá mensualmente.
A reunión da Comisión Coruña Marítima celebrouse hoxe nun clima de diálogo e entendemento entre todos os representantes das administracións e os grupos políticos.

11/07/2024
A comisión Coruña Marítima celebrará a súa primeira reunión o 15 de xullo
As administracións e os grupos políticos municipais xa designaron aos seus representantes neste órgano que dirixirá a transformación dos espazos portuarios.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, na súa condición de presidenta da Comisión Coruña Marítima, convocou a primeira reunión deste órgano para o vindeiro luns, 15 de xullo, ás 12.30 horas. Nos últimos días, as administracións e grupos políticos que forman a Comisión nomearon aos seus representantes neste órgano que pilotará a transformación dos espazos portuarios. A Comisión queda integrada desta maneira:
• Inés Rey García. En representación do Concello da Coruña. Presidenta da Comisión.
• Martín Fernández Prado. En representación da Autoridade Portuaria. Vicepresidente da Comisión.
• Diego Calvo Pouso. Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes. En representación da Xunta de Galicia.
• Carlos María Juárez Cólera. Director do Sector Ferroviario. En representación do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible.
• Pilar Parra Serrano. Directora corporativa. En representación de Puertos del Estado.
•Juan Pablo Villanueva Beltramini. Director Xeral de Construcción. En representación de ADIF.
• José Manuel Lage Tuñas. Concelleiro de Economía e Planificación Urbana. En representación do Concello da Coruña.
• Miguel Lorenzo Torres. En representación do grupo municipal do PP.
• Francisco Dinís Díaz Gallego. En representación do grupo municipal do PSOE.
•Francisco Jorquera Caselas. En representación do grupo municipal do BNG.
• O secretario será Manuel Fortes Carballeira, xefe do Departamento de Asesoría Xurídica da Autoridade Portuaria.
Tras a firma do protocolo Coruña Marítima, o pasado 22 de maio, por parte das seis administracións involucradas no deseño futuro do porto interior, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria celebrou unha reunión extraordinaria o pasado 18 de xuño, na que aprobou a constitución da Comisión Coruña Marítima, as súas funcións e as súas normas de funcionamento.
Conforme a estas normas, e unha vez que xa se dispón da relación de integrantes da Comisión, a presidenta do órgano, Inés Rey, convocou a primeira reunión do mesmo para o día 15 de xullo.

18/06/2024
A comisión Coruña Marítima celebrará a súa primeira reunión a principios de xullo e apoiarase nun equipo técnico interadministrativo
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria celebrou unha sesión extraordinaria para aprobar a creación da comisión e as súas normas de funcionamento. O órgano aglutina aos representantes das administracións e dos grupos políticos municipais, e favorecerá a participación social. Tras a firma do protocolo para a reordenación da fachada marítima da Coruña, o pasado 22 de maio, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria celebrou esta mañá unha reunión extraordinaria na que se aprobou a creación da Comisión Coruña Marítima e as normas de funcionamento deste órgano de cooperación interadministrativa.
Comeza así a materializarse o acordo que se plasmou no citado protocolo, que foi subscrito pola Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria. Tal como recóllese no documento, todos os traballos necesarios para levar a cabo a transformación dos espazos portuarios coordinaranse a través da comisión Coruña Marítima, creada polo Consello de Administración da Autoridade Portuaria. A súa presidencia exerceraa a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e dela formarán parte os representantes que designen as administracións asinantes do protocolo, así como integrantes dos partidos políticos con representación municipal.
O Consello de Administración aprobou así mesmo as funcións da comisión, que se resumen no seguimento, asesoramento, análise e proposta ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria das medidas que considere oportunas para o desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima. Ratificáronse tamén as normas de funcionamento do órgano, cuxa primeira reunión está prevista para a primeira quincena do próximo mes de xullo e será convocada pola alcaldesa da Coruña, como presidenta da comisión. Estas normas inciden na necesidade de alcanzar acordos amplos para acometer a transformación da fachada marítima coas liñas que establece o protocolo como novo marco de entendemento, considerando o interese común en manter a titularidade pública dos espazos, o mantemento das actividades portuarias que non se trasladen a Punta Langosteira, a apertura aos cidadáns dos terreos que deixen de ter uso portuario e a xeración de beneficio económico para a Autoridade Portuaria e de gran beneficio social para a cidadanía. Ao obxecto de favorecer a participación social en todo o proceso que comeza agora, a comisión designará un foro no que participarán colectivos e axentes sociais, e un grupo de traballo coa misión de realizar todas as tarefas técnicas que sexan precisas, que estará formado por dous representantes da Autoridade Portuaria, dúas do Concello da Coruña, dous entre ADIF e o Ministerio, un de Portos do Estado e dous da Xunta de Galicia. Os conselleiros da Autoridade Portuaria aprobaron por unanimidade todos estes acordos e manifestaron o seu respaldo á nova etapa que se abre para o porto e a cidade.
Novo conselleiro
Por outra banda, o Consello agradeceu o traballo realizado por Ethel Vázquez, secretaria da Mesa do Parlamento de Galicia, que cesou como conselleira da Autoridade Portuaria, e deu a benvida á persoa que a substitúe, Jorge Pan Varea, director Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia.

31/05/2024
O logotipo de “Coruña Marítima”, unha creación do pintor Vítor Mejuto que sintetiza a xeometría das galerías da Mariña
A imaxe xorde do seu traballo “Coruña Cidade”, unha serie de cadros sobre formas derivadas de elementos arquitectónicos da Coruña e o seu porto.
O pintor Vítor Mejuto é o autor do logotipo do proxecto “Coruña Marítima”, que está chamado a transformar a cidade nos próximos anos tras a firma, este pasado mércores, do protocolo de colaboración entre as administracións que teñen competencias na fronte portuaria coruñesa.
Vítor Mejuto naceu en Barcelona en 1969, aínda que reside na Coruña. É pintor, fotógrafo e editor gráfico de La Voz de Galicia. Segundo explica el mesmo, o logotipo, en cor azul, é unha síntese da xeometría das galerías da Mariña, que son un das principais iconas da cidade, con orixe portuaria.
A imaxe xorde do seu traballo “Coruña Cidade”, que vén desenvolvendo desde fai tres anos e engloba unha serie de cadros sobre formas derivadas de elementos arquitectónicos da Coruña e o seu porto. “Non quería facer un logo excesivamente descritivo –indica Mejuto-. Veume inmediatamente á cabeza José María Cruz Novillo, ao que coñecín antes como pintor que como deseñador gráfico. É o autor dos logos máis comúns da nosa historia recente, desde o de Correos ou Renfe ao moi próximo Banco Pastor”.
Menciona tamén a Anton Stankonwski, “outro grandísimo pintor que deseñou o meu logo favorito: o do Deutsche Bank. Ambos autores afunden as súas raíces na pintura concreta e nunha xeometría orgánica –engade-. Por iso o emprego de formas puras. Para que o autor desapareza en favor da idea”.
Vítor Mejuto formouse en Belas Artes na Universidade de Salamanca. Ten unha longa traxectoria como pintor e expuxo por todo o territorio nacional e en lugares tan diversos como Nova York, O Porto, Viena ou Amsterdam, entre moitos outros. As súas obras forman parte de coleccións tan relevantes como a do Centro Galego de Arte Contemporánea, Abanca, Parlamento de Galicia, Afundación, María José Jove e Fundación Camper.
Xunto ao logotipo, desenvolverase unha tipografía específica para o proxecto “Coruña Marítima”, coas súas aplicacións para documentos, cartelería e elementos de gran formato. Encomendouse este traballo á firma coruñesa Bululú Creativos, que en 2021 tamén ideou para a Autoridade Portuaria o lema “Aberto a todo o mundo”, que é utilizado principalmente para referirse a iniciativas vinculadas á interacción porto-cidade.