En marcha o concurso de Coruña Marítima - Coruña Marítima
O concurso internacional para elaborar o Máster Plan de Coruña Marítima, en marcha coa publicación das bases na Plataforma de Contratación do Estado

O concurso internacional para elaborar o Máster Plan de Coruña Marítima xa está en marcha, coa publicación das bases e os pregos técnicos no Diario Oficial da Unión Europea e na Plataforma de Contratación do Estado.
As empresas interesadas poden presentar as súas solicitudes de participación durante un prazo de 45 días hábiles, ata o 1 de agosto. Todas as características da licitación e a forma de presentación de ofertas están dispoñibles na citada plataforma, á que se pode acceder directamente desde o Perfil do Contratante da páxina web da Autoridade Portuaria da Coruña.
A posta en marcha do concurso prodúcese tras a aprobación das bases polo Consello de Administración da Autoridade Portuaria e, previamente, pola Comisión Coruña Marítima, da que forman parte o Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria, ademais dos tres grupos políticos municipais.
As bases do concurso, cun importe total de 3.015.000 euros, prevén dúas fases na elaboración do documento. Nunha primeira fase, seleccionaranse un máximo de cinco candidaturas entre as ofertas que se reciban. Poderán presentarse todas as empresas e os profesionais que o desexen, que deben cumprir os requisitos de solvencia que esixe a normativa e contar cun equipo multidisciplinar no que figuren profesionais con experiencia en urbanismo, paisaxismo, arquitectura, portos, ferrocarrís e mobilidade, entre outros ámbitos. Na selección terase en conta a experiencia dos equipos en traballos similares, o currículo e os premios obtidos na súa traxectoria profesional.
As cinco candidaturas seleccionadas terán un prazo de cinco meses para presentar as súas propostas. Cada oferta será valorada con criterios que avaliarán a calidade técnica da proposta, a súa funcionalidade, os aspectos ambientais e os aspectos económicos. Nesta avaliación, o órgano de contratación apoiarase nun comité de expertos.
O prazo estimado para seleccionar ao adxudicatario estímase en 12 meses, polo que o concurso estará resolto sobre o mes de xuño de 2026. A partir de aí, a empresa gañadora deberá presentar no verán de 2027 o Máster Plan e diferentes documentos complementarios, entre eles a nova Delimitación de Espazos e Usos Portuarios, a modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana, informes ambientais ou o establecemento de requerimentos para o deseño dun edificio singular que caracterice a intervención.
Tamén deberá presentar unha maqueta física do Máster Plan, un vídeo en 3D da proposta e un espazo virtual de realidade inmersiva, así como realizar unha exposición pública do Plan, todo iso co obxectivo de que os cidadáns poidan coñecer as súas características.
Orzamento
O desglose do orzamento total é o seguinte:
2.615.000 euros: a empresa adxudicataria da redacción do Máster Plan e os documentos complementarios.
80.000 euros: prima para cada unha das cinco propostas seleccionadas. En total: 400.000 euros.
Ademais, consígnanse 300.000 euros para financiar a asistencia técnica ao órgano de contratación durante todo o proceso de licitación.
Este orzamento será cofinanciado polas seis administracións que forman parte da Comisión Coruña Marítima.
Acordos estratéxicos
O Máster Plan deberá cumprir coas Bases Estratéxicas e cos catorce Acordos Estratéxicos aprobados pola Comisión Coruña Marítima, así como coas conclusións do proceso de participación cidadá que se desenvolveu nas últimas semanas. Os acordos recollen diversas medidas para reforzar a actividade portuaria, impulsar novas actividades económicas, mellorar a mobilidade na cidade e as conexións coa área metropolitana, construír equipamentos púbicos e potenciar as zonas verdes e a sustentabilidade en toda a intervención.
O Máster Plan abarcará todo o ámbito do porto interior, desde o dique de abrigo ata a dársena de Oza, e a estación de mercadorías de San Diego. Deberá ser ambicioso, innovador, propositivo e flexible, cun proxecto que reflicta a esencia da Coruña.
Tal como recóllese expresamente nas Bases, a solución proposta debe ser “coruñesa”, que entenda a escala e o espírito da Coruña. Non se pretende importar solucións doutros sitios, aínda que alí fosen exitosas e sexa necesario o seu estudo, senón que se busca unha solución ad hoc para A Coruña, que entenda a alma coruñesa, a súa tradición, a súa historia e o seu genius loci.
Así, o proxecto debe ser contemporáneo e participar das últimas tendencias mundiais, pero, ao mesmo tempo, ten que “supurar” a esencia coruñesa. Debe ser un proxecto internacional e local ao mesmo tempo, que reflicta a alma da Coruña e do seu porto. “O cidadán ten que ser consciente de que se atopa na Coruña e non en calquera outro espazo sen personalidade”, indica o documento.