Logotipo Coruña Marítima - Coruña Marítima
O logotipo de “Coruña Marítima”, unha creación do pintor Vítor Mejuto que sintetiza a xeometría das galerías da Mariña

A imaxe xorde do seu traballo “Coruña Cidade”, unha serie de cadros sobre formas derivadas de elementos arquitectónicos da Coruña e o seu porto.
O pintor Vítor Mejuto é o autor do logotipo do proxecto “Coruña Marítima”, que está chamado a transformar a cidade nos próximos anos tras a firma, este pasado mércores, do protocolo de colaboración entre as administracións que teñen competencias na fronte portuaria coruñesa.
Vítor Mejuto naceu en Barcelona en 1969, aínda que reside na Coruña. É pintor, fotógrafo e editor gráfico de La Voz de Galicia. Segundo explica el mesmo, o logotipo, en cor azul, é unha síntese da xeometría das galerías da Mariña, que son un das principais iconas da cidade, con orixe portuaria.
A imaxe xorde do seu traballo “Coruña Cidade”, que vén desenvolvendo desde fai tres anos e engloba unha serie de cadros sobre formas derivadas de elementos arquitectónicos da Coruña e o seu porto. “Non quería facer un logo excesivamente descritivo –indica Mejuto-. Veume inmediatamente á cabeza José María Cruz Novillo, ao que coñecín antes como pintor que como deseñador gráfico. É o autor dos logos máis comúns da nosa historia recente, desde o de Correos ou Renfe ao moi próximo Banco Pastor”.
Menciona tamén a Anton Stankonwski, “outro grandísimo pintor que deseñou o meu logo favorito: o do Deutsche Bank. Ambos autores afunden as súas raíces na pintura concreta e nunha xeometría orgánica –engade-. Por iso o emprego de formas puras. Para que o autor desapareza en favor da idea”.
Vítor Mejuto formouse en Belas Artes na Universidade de Salamanca. Ten unha longa traxectoria como pintor e expuxo por todo o territorio nacional e en lugares tan diversos como Nova York, O Porto, Viena ou Amsterdam, entre moitos outros. As súas obras forman parte de coleccións tan relevantes como a do Centro Galego de Arte Contemporánea, Abanca, Parlamento de Galicia, Afundación, María José Jove e Fundación Camper.
Xunto ao logotipo, desenvolverase unha tipografía específica para o proxecto “Coruña Marítima”, coas súas aplicacións para documentos, cartelería e elementos de gran formato. Encomendouse este traballo á firma coruñesa Bululú Creativos, que en 2021 tamén ideou para a Autoridade Portuaria o lema “Aberto a todo o mundo”, que é utilizado principalmente para referirse a iniciativas vinculadas á interacción porto-cidade.