A comisión Coruña Marítima celebrará a súa primeira reunión a principios de xullo e apoiarase nun equipo técnico interadministrativo

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria celebrou unha sesión extraordinaria para aprobar a creación da comisión e as súas normas de funcionamento. O órgano aglutina aos representantes das administracións e dos grupos políticos municipais, e favorecerá a participación social. Tras a firma do protocolo para a reordenación da fachada marítima da Coruña, o pasado 22 de maio, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria celebrou esta mañá unha reunión extraordinaria na que se aprobou a creación da Comisión Coruña Marítima e as normas de funcionamento deste órgano de cooperación interadministrativa.

Comeza así a materializarse o acordo que se plasmou no citado protocolo, que foi subscrito pola Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria. Tal como recóllese no documento, todos os traballos necesarios para levar a cabo a transformación dos espazos portuarios coordinaranse a través da comisión Coruña Marítima, creada polo Consello de Administración da Autoridade Portuaria. A súa presidencia exerceraa a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e dela formarán parte os representantes que designen as administracións asinantes do protocolo, así como integrantes dos partidos políticos con representación municipal.

O Consello de Administración aprobou así mesmo as funcións da comisión, que se resumen no seguimento, asesoramento, análise e proposta ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria das medidas que considere oportunas para o desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima. Ratificáronse tamén as normas de funcionamento do órgano, cuxa primeira reunión está prevista para a primeira quincena do próximo mes de xullo e será convocada pola alcaldesa da Coruña, como presidenta da comisión. Estas normas inciden na necesidade de alcanzar acordos amplos para acometer a transformación da fachada marítima coas liñas que establece o protocolo como novo marco de entendemento, considerando o interese común en manter a titularidade pública dos espazos, o mantemento das actividades portuarias que non se trasladen a Punta Langosteira, a apertura aos cidadáns dos terreos que deixen de ter uso portuario e a xeración de beneficio económico para a Autoridade Portuaria e de gran beneficio social para a cidadanía. Ao obxecto de favorecer a participación social en todo o proceso que comeza agora, a comisión designará un foro no que participarán colectivos e axentes sociais, e un grupo de traballo coa misión de realizar todas as tarefas técnicas que sexan precisas, que estará formado por dous representantes da Autoridade Portuaria, dúas do Concello da Coruña, dous entre ADIF e o Ministerio, un de Portos do Estado e dous da Xunta de Galicia. Os conselleiros da Autoridade Portuaria aprobaron por unanimidade todos estes acordos e manifestaron o seu respaldo á nova etapa que se abre para o porto e a cidade.

 

Novo conselleiro

Por outra banda, o Consello agradeceu o traballo realizado por Ethel Vázquez, secretaria da Mesa do Parlamento de Galicia, que cesou como conselleira da Autoridade Portuaria, e deu a benvida á persoa que a substitúe, Jorge Pan Varea, director Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia.